
O ciclista rosaleiro Álex Lomba Rodríguez (G.D. Supermercados Froiz) vén de conseguir subir ao podium, cun gran terceiro posto, no Campionato de Galicia en liña celebrado esta fin de semana en A Estrada (Pontevedra).
Tal e como lemos na web da Federación Galega de Ciclismo “Samuel Blanco (Club Ciclista Rías Baixas) fíxose co triunfo na categoría sub23 tras alcanzar a liña da meta xunto ao seu compañeiro Javier García. Por detrás deles estableceuse unha gran vixilancia entre os elites da que Vicente Alló (Código Atlántico) foi o principal beneficiado chegando primeiro da súa categoría. A carreira disputada sobre 120 kilómetros non tivo un instante de tregua dende o bandeirazo inicial.
O medio centenar de corredores que se concentraron na liña de saída tiñan que completar seis voltas a un circuíto de 20 kilómetros deseñado polo Club Ciclista Estradense, a entidade organizadora de evento. A metade da primeira volta seis unidades abandonaron a disciplina do pelotón e iniciaron unha escapada da que finalmente sairía o gañador da carreira.
Samuel Blanco e Javier García (Club Ciclista Rías Baixas), Alejandro Lomba e Diego Somoza (Supermercados Froiz), Raúl González (Club Ciclista Vigués) e Miguel Montero (Cambre Renault Caeiro) abriron oco e a súa vantaxe chegou a alcanzar os tres minutos. No ecuador do percorrido Montero cedeu e Somoza comezou a pasar problemas, mentres por detrás comezáronse a formar grupos perseguidores. Nun deles filtrouse Alló xunto a máis sub23 cando restaban 40 kilómetros para o final.
A vitoria na carreira estaba no grupo dianteiro, onde Blanco intentou marcharse en solitario. Antes de entrar na última volta, o Club Ciclista Rías Baixas sentenciou o triunfo ao conectar García con Blanco soltando de roda a Lomba, que acabaría terceiro sub23, e aos outros dous fugados. Na liña de meta da Avenida de Galicia o tándem do conxunto do Val Miñor presentouse, tras preto de tres horas e media de esforzo, con tempo suficiente para celebrar a vitoria.
Pola súa banda en elite, Alló conseguía o primeiro posto e no podio estivo escoltado por Sergio Míguez (Supermercados Froiz) e Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas) nunha entrega de premios presidida por José López, alcalde de A Estrada”.
¡Dende Noticias O Rosal, noraboa Álex!