Onte achegámonos, convidados pola dirección do centro, ata o CPI Manuel Suárez Marquier para cubrir a noticia da inauguración de tres innovadores espazos no colexio da vila: “un aula croma 360º, un aula estudo de gravación e unha horta”.

O acto inaugural, tal e como se lembra dende o Concello, “tivo ao divulgador Jorge Mira como mestre de cerimonia e contou coa presenza da alcaldesa do Rosal e do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra da Xunta”.

“Co catedrático de Física e divulgador científico Jorge Mira como mestre de cerimonia, o centro presentou a súa innovadora aula croma 360º, unha clase adaptada ao 100% que permitirá ao alumnado gravar e editar vídeos como ferramenta educativa. Ademais, o CPI conta tamén cun aula-estudo de gravación de música chamado ‘Asalto de mata’ e con ‘A despensa da Mata’, unha horta escolar.
Todos estes espazos foron creados a comezos deste curso, polo que ao longo dos últimos meses o alumnado xa realizou un importante número de producións, dinámicas de traballo e experiencias pedagóxicas nas novas instalacións, así como producións audiovisuais, gravacións musicais, experimentos botánicos ou cultivos.
O público participante foi recibido a ritmo de frauta en vivo, música que deu paso á presentación dos espazos e a un percorrido por todos eles ao que foron convidados representantes de toda a comunidade educativa, dende alumnado e familias ata ANPA, persoal docente e non docentes e membros do club de lectura e cine, entre outros”.
Damos fe do extraordinario traballo levado a cabo nos tres espazos e sobre todo da monumental sorpresa que levou Jorge Mira Pérez, Catedrático de Electromagnetismo da Facultade de Física da USC, xa que o CPI gardou ben o segredo e o “padriño” Jorge non esperaba que unha das aulas lle fora dedicada.

Podedes ver a reportaxe completa no perfil de facebook de Noticias O Rosal.