FACENDO HISTORIA. LEMBRANDO A DATA DE 1137 (I). A PRIMEIRA IGREXA NO TERRITORIO ROSALEIRO.
Esta é, sen dúbida, a data histórica máis antiga que coñecemos sobre a nosa igrexa parroquial, como comprobaremos.
Tamén é certo que, sen documentación escrita, pero si con probas arqueolóxicas, arquitectónicas, etc, nos atrevemos, hipoteticamente, con moita probabilidade, a dicir que o noso territorio rosaleiro, a igrexa, como comunidade de fieis cristiáns, é moi anterior ao século XII.

Para nós, como aportaremos probas, a primeira comunidade cristiá estivo emprazada na xuradía de Marzán. E, concretamente, no poboado ou veciñanza da vila romano-visigótica de San Vicente de Currás, lugar de Marzán.
Pois, non se atopan por casualidade estes cruciformes, primeiros signos cristiáns na nosa zona (coa recreación da Cruz), tal como os do lugar das Cortes (Marzán) ou os das Presas de Novellos, á beira do Castro de Parada (Novás), séculos IV-V.

Alí, os seus patronos (de nome probable, Marcianus, e a súa dona) coa autorización do bispo, levantaron un pequeno santuario, entre os séculos IV-VI. Ese emblemático lugar, vila romana de carácter agrícola, con abundantes restos arqueolóxicos daquela época, tivo antes un santuario dedicado ao deus romano Mercurio (como temos probado en diferentes ocasións na nosa páxina).

Dito primitivo altar, en forma de ara, estivo dedicado á citada deidade, Mercurio (Hermes para os gregos). Logo, seguindo á Historia da Igrexa Universal, a partir do século IV, o poboado de Marzán será cristián. E isto ocorreu despois do ano 313, co Edito de Milán, proposto polo emperador Constantino e declarando o Cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano.
Lembramos unha vez máis, canto precede próbase co achádego da interesante e xa aludida ara romana dedicada a Mercurio -deus romano, protector de mercaderes, viandantes, etc- que se atopou en 1968 no interior da ermida de San Vicente e que nós identificamos como tal ara epigráfica. Utilizábase como pía da auga bendita.

Importantísimo documento histórico-arqueolóxico, que por seguridade, o Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño depositou no ano 1974, no Museo Histórico Diocesano de Tui. A partir de entón, aquel lugar dedicado a culto pagán, foi cristianizado, coa implantación do Cristianismo, erixindo naquel lugar, reiterámolo, un pequeno santuario xa cristián.
O culto a esta deidade romana, protector en xeral do comercio, gardaba íntima relación político-relixiosa coa xente dos castros en plena romanización, así como co diverso persoal da explotación mineira (século III d.C.), das Bornas (Lousado) e o seu posible comercio.
O seu titular, San Vicente, diácono e mártir español, na época do emperador-tirano Diocleciano, ano 304.

Temos, pois, evidencia de que houbo aquí en Marzán unha “vecindade”, “primitiva igrexa” (non existía o termo parroquia) pero xa cristiá con santuario/igrexa privada e protexida, como era frecuente, por unha familia (patronos, “poseedores”) que fixeron o santuario.
Eles pagaban tamén as reparacións así como ao crego que celebraba os cultos relixiosos. Outra significativa proba, tamén evidente, complementaria ao santuario, son as coñecidas tumbas, dúas, dos patronos (home e muller). Sería como é hoxe o cemiterio parrroquial.

Nós contamos con outra hipótese. No II Concilio de Braga celebrado no 572, sendo bispo de Tui, Anila, se enumeran varias e primitivas igrexas (vecindades) de fieis “feligreses” (logo feligresías). Entre esas igrexas, atópase a da Garda ou Cauda (A Guarda), Turonio (Torroña?: Oia) e Marciliana (nome) derivada dalgún patrono romano-suevo chamado Martinus*, Martiliano, Marciano, logo, por evolución filolóxica, poboado de Marzán.
Estes nomes (non se coñecía, non existía o do Rosal: Rozal), son os topónimos máis antigos da nosa zona baixomiñota. Atópanse, entre outra bibliografía, no libro de Casimiro Torres, Galicia Sueva, 1977, páx. 281.

Para nós, Marzán é aquela “vecindade”, aquela “Vila Marciliana”, que alí se cita, como xa probamos na nosa colaboración: “Aportación ao estudo da identificación, antigüidade e cristianización das primeiras parroquias da Sede Episcopal de Tui citadas no II Concilio de Braga no 572”, na revista Castellum Tyde, 2007, nº 1, páxs. 76-80.
E rematamos esta colaboración histórica, entrega I, dando a coñecer o que se anota nun documento do Mosteiro de Santa María de Oia (copia dun antigo escrito do ano 1262) falando da Granxa de San Vicente. Alí se anota: “Aquí había una hermita antigua donde se administraban los santos sacramentos en los primeros católicos que comenzaron a poblar esta tierra hasta que por orden del Rey se fundó y edificó la iglesia de Santa Mariña”. Esta alusión ao Rei, quere referirse ao Emperador Alfonso VII e a orde, como verificaremos na colaboración seguinte (II), á data de 1137.
