O lugar de “A Feira” en O Rosal, 60 anos despois

Cabalgata de Entroido de Fornelos (1957) ao seu paso pola Feira. (Foto: Luis Dorado)

A presente fotografía do noso amigo Luis Dorado Senra, de Fornelos, alá polo 1957, é todo un documento ilustrativo.

O lugar que temos á vista, foi acomodado para converterse nun novo espazo para A Feira. Pois, esta fora trasladada dende a Praza do Calvario ata aquí, con nova panorámica.

As feiras do gando eran dúas: a inmemorial do 18 de cada mes e outra, máis recente, o día 2, tamén de cada mes.

É doado observar que se está ensanchando, primeiramente pola ladeira da esquerda e por terreo do mato do popular “Tío Marcelino”, do comercio da vila.

O que ollamos á dereita é o antigo muro de peche do “Mato da Abadía”, que vai desaparecer para facilitar que nel se edifiquen as primeiras “Casas Baratas”, de protección oficial. Pois, sendo párroco Victorino Poutás Rodríguez, agora finado, coa licenza do bispo Fray José López Ortiz, cedeu este terreo ao Concello, a cambio que este costease as reformas en 1963 do adro (antigo cemiterio) ampliación: da rúa do Couso, antigamente “Calle Niceto Alcalá Zamora”, presidente da República.

Tamén se realizaron melloras na igrexa parroquial en 1957, tal como elevar e retellar de novo a cuberta da igrexa. Nesta ocasión desapareceu a impresionante e monumental escalinata, que se emprazaba, aproximadamente, fronte á baixada da rúa do Couso ata o Hotel Juan.

Escaleiras que foran levantadas no ano 1887 polo célebre abade, político e tudense de nacemento, Ricardo Leirós García, de 32 patíns ou chanzos. A escalinata iniciábase cunha anchura de 8 metros e cun pequeno descanso que estreitándose chegaba á cancela de ferro, ata o adro, cun ancho de 1’50 metros.

A foto foi publicada xa no folleto-libro de entroidos de Fornelos no 1987, ao paso da Cabalgata desa xuradía polo novo lugar da Feira.

Esta era en 1957 a panorámica daquel lugar, daquela zona: ANTES.

E esta é a de DESPOIS: isto é, a de agora (2017). E disto fai agora 60 anos…

 

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.