A desaparecida capela de San Pedro (Tabagón-O Rosal)

ERMIDA DE SAN PEDRO
Alá polo ano 1975, visitando a parroquia rosaleira de San Xoán de Tabagón, coñecimos o topónimo “Campos de San Pedro“. Así mesmo, tamén a tradición, que nos conta o amigo (Q.E.D.) Celestino Baquero González, de que en Tabagón – antigamente- celebrábase a Festa de San Pedro o 29 de xuño e tíñase a “fogueira“.

INICIO DA INVESTIGACIÓN
Arranca a investigación a través dos Libros Parroquiais, pero por ser moi recente a creación da parroquia (en 1826), nada especial atopei.

E a seguir pasamos ao Arquivo Histórico Diocesano de Tui. Aquí si localicei -a propósito da Visita Pastoral que en 1528 fixo o bispo D. Diego Avellaneda á parroquia de San Miguel de Tabagón (1), –unha cita onde se fai referencia á capela de San Pedro Apóstolo.

Imaxe de San Pedro na igrexa de Santa Mariña do Rosal

Os fregueses de San Xoán de Tabagón, lembramos, eran coñecidos como “os mixtos”, xa que non tiñan parroquia propia. A capela logo debeu desaparecer, xa que en seguintes “visitas pastorais” non se menciona. Por tratarse do seu titular un apóstolo, deducimos que dita ermida debía ser moi antiga.

Segundo a tradición, chegaba ata a Cruz de Broas a popular procesión das rogativas (2). Rogativa: “Súplica pública, acompañada de procesión, que se organiza para solicitar un favor á Divinidade (3)“.

Cruz de Broas do século XVIII (San Xoán de Tabagón. 📸 Tamuxe, 1999).

A CAPELA DE SAN PEDRO
O seu emprazamento, moi probablemente, sería nos “Campos de San Pedro“, proximidades da popular Cruz de Broas (4). Aínda, pensamos que dita cruz, como era tradicional e norma da Igrexa, fóra levantada en memoria da desaparecida e mencionada capela de San Pedro.

Esta antiga ermida debeu ser pequena, pero quizais con espadana e campá, rematada como é de ritual, coa correspondente cruz. Sería, pois, moi similar á capela antiga de San Gregorio de Pías, en San Miguel de Tabagón, xa que son contemporáneas.

 

SEGUNDO A TRADICIÓN
A fin de, polo menos, coñecer algunha tradición ao redor desta ermida, contactamos con outro amigo, un veterano tabagonés, Esteban Brey, hoxe finado (E.P.D.)

El contounos, en 1978, que había xa máis de 30 anos que na festa montábase un “tinglado” situándose nel unha vella imaxe de San Pedro Apóstolo a pescar coa súa cana nunha charca ou nunha pía. Esa imaxe, de madeira, gardábaa na súa casa unha veciña, que a cedía cada ano.

Primitiva capela de San Gregorio (Pías). Século XVI (Foto de 1924)

TITULAR DA CAPELA
O altar da capela atopábase presidido polo titular da mesma, o apóstolo San Pedro.

“San Pedro é o Príncipe dos Apóstolos e o primeiro bispo de Roma, Pai da fe, a pedra angular sobre a que se atopa fundada a Igrexa (5)“.

A súa festa celébrase o 29 de xuño de cada ano, onde San Pedro é patrono.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

 

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS

1.- Libro de Visitas Pastorales, 1528. Arquivo Histórico Diocesano de Tui.
2.- Curioso e interesante o detalle que as antigas e populares rogativas de tipo relixioso chegaran a esa cruz, lugares casi “sagrados”.
3.- Dicionario Xerais da Lingua, 2007.
4.- Martínez Tamuxe, Xoán. Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño. I Concello do Rosal, 1999, páx. 194. // Ermidas e capelas do concello do Rosal (traballo inédito).
5.- Pardo, Andrés – Angulo, José. El libro de los santos, Madrid, 1977, páx. 162.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies