Para complementar o capítulo “servizos municipais” da Historia da Vila e Concello do Rosal (inédito), xa que nela vimos ocupándonos dende fai anos, consultamos a prensa da zona, concretamente, o semanario Heraldo Guardés

Neste xornal atopamos crónica informativa do corresponsal na vila, dándonos precisamente, a noticia e data da inauguración do matadoiro municipal (1929). Esta é, pois, a súa breve información: “Rosal. Con asistencia de las autoridades, se inauguró el pasado sábado el matadero municipal construido en el Urgal, con arreglo a las disposiciones vigentes en el cual se sacrificó la primera res“. (Heraldo Guardés, nº 1306, 16 de febreiro de 1929)

Así, no correspondente pleno, a corporación municipal, que como alcalde presidiu José Mª Alonso Francisco*, por consideralo servizo necesario, acordou a súa creación. Edificaron dito matadoiro, como xa se dixo, no lugar do Urgal, xuradía de Ferreiros, á mesma beira do canal de auga (para servizo do mesmo) inmediato ao río Tamuxe, que dende antigo, movía o popular muíño do Campo.

Edificio dunha soa planta, dividido en dous compartimentos, sendo a parte máis pequena, xa na entrada do recinto, adicada, tal vez, para oficina (recepción). As súas medidas, aproximadas, son, longo total: 10 m; anchura, 6’50 m; alto total, 7’50 m. Ten tres portas e tres ventás.

Aquela corporación, pois, xulgou necesaria tal mellora no servizo municipal, tanto por razón económica como por comodidade, e tamén, por suposto, para mellor hixiene (antes, segundo nos comentaron, normalmente, se sacrificaban as reses en casas particulares, tal como aínda perdura na memoria e tradición: “Adolfo da Cortadora“).

Ben seguro que tal mellora, foi posible por certo desenrolo da agricultura, do comercio e da gandería. Pois, non sen razón, xa existían en O Rosal diferentes asociacións agro-gandeiras, incluso granxas. (Aínda existiron no Concello varias cooperativas, sindicatos e granxas. Foi moi coñecida a “Granxa do Priorato” con touro semental, nomeado popularmente “Brillante”).

Outra razón e proba positiva que xustifica tal necesidade e mellora son, por exemplo, as feiras de gando e o mercado dominical, na Praza do Calvario. As feiras, en principio, eran o 18 de cada mes; e a última, máis recente, o día 2 tamén de cada mes. Se celebraban naquela Praza; logo foron trasladadas arredor de 1957 ao lugar inmediato do “Cruceiro da Moreira”, hoxe diríamos, era ao final da avenida do escritor e poeta Julio Sesto. Neste último lugar contábase cunhas arcadas para acollerse das choivas; unha báscula para pesar o gando, etc.

*José María Alonso Francisco (O Cuncho) de San Miguel de Tabagón, xunto con José Sánchez García, foron defensores da agricultura, da repoboación forestal, da Hermandad de Labradores y Ganaderos, etc. A súa biografía, no BIM (Boletín Informativo Municipal), n º 16, ano 1991. A de Sánchez García, tamén no BIM, nº 6, ano 1989

(NOTA: No seguinte artigo, a propósito do Matadoiro e das Feiras, falaremos da antiga, popular e anual de San Gregorio de Pías).

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.